Monday 29 de April de 2024

Rey agradece o esforzo dos preto de 40 profesionais que farán posible “A radio conta”


A alcaldesa presentou a sétima edición do programa, que terá lugar o 28 no Teatro Rosalía e no que se recadarán fondos para a asociación Asanog, dirixida a cativas e cativos que padecen esta enfermidade
A Coruña, 18 de decembro de 2019.- A alcaldesa Inés Rey presentou a sétima edición do programa solidario “A radio conta”, de entrada libre e no que participarán ata 40 profesionais do medio radiofónico o día 28, no teatro Rosalía, a partir das 17.00 horas. Serán tres horas en directo nas que se recadarán fondos para a asociación Asanog, dirixida a mellorar o benestar dos nenos e nenas con cancro e o das súas familias. A rexedora agradeceu o esforzo das persoas participantes porque detrás das tres horas, “hai moito traballo de produción e tempo libre dedicado a esta iniciativa”, na que o concello colaborará emitindo a transmisión en tempo real para quen non se poida achegar ao teatro: “Estamos todas e todos na mesma onda co fondo que ten a favor das nenas e nenos que o están a pasar mal, unha cuestión que compartimos como cidade solidaria e inclusiva que aspiramos a ser”.
O presentador, Moncho Viña, sinalou que “estamos orgullosos da finalidade e da calidade das seis edicións anteriores, pero ímolas superar” e recordou que haberá xornalistas da Radio Galega, Radio Marca, Onda Cero, Radio Nacional, Intercoruña, Radio Coruña Cadena Ser, Radio Cope e Radio Voz, polo que agradeceu a colaboración das direccións destas emisoras por axudaren a realizar esta homenaxe á radio local e esta chamada á solidariedade, “pensada e repensada durante meses”, para a que se subirán ao escenario humoristas e actores como Touriñán, Moncho Borrajo, Luis Iglesia e Marita Martínez. A música virá da man de Pablo Díaz e Brais Morán, das regueifas de Lupe Blanco e das Tanxugueiras, actuacións
Nota de Prensa

ordenadas segundo a escada deseñada polo guionista Óscar Cruz na que terán cabida as deportistas Sofía Toro e Julia Benedetti ou o deseñador Antón Lezcano e na que “a alcaldesa e voceiros terán tamén algún tipo de papel”, engadiu.
Un dos participantes, Xosé Touriñán, falou na presentación de que “é unha honra estar aquí outra vez; estiven as veces que puiden e me deixaron e estarei todos os anos que queiran, porque me parece unha iniciativa moi bonita pola solidariedade e para botarlle unha man a esas crianzas que van saír. É unha honra, igualmente, porque isto non é o habitual; é un exemplo de que radios con gobeletes de todas as cores se xuntan nun momento importante para sentarmos e conversarmos en vez de botarmos merda nas redes sociais. A radio é o medio que che ensina a escoitar”, afirmou o intérprete coruñés.
Pola súa parte, o secretario de Asanog, César Sobrino, contou que o colectivo o forman nais e pais que tiveron unha crianza con cancro e e son sabedoras e sabedores do proceso. Desde marzo deste ano están rexistrada como entidade pública, pero levan traballando desde 2013 para atender as necesidades das familias con pequenas e pequenos hospitalizados: “Intentamos que o que sufrimos nós non o padeza quen veña detrás. As posibilidades son as que son e contribuímos no que podemos de xeito indirecto, ao instarmos as administracións para dotaren os centros de máis servizos, e directamente, a través de profesionais e do voluntariado”. Os seus obxectivos pasan por pelexaren para que na Coruña haxa un centro de referencia de oncoloxía pediátrica, “que beneficie a detección precoz e o índice de curación”, e por conseguiren un piso para se aloxaren as familias non residentes na cidade.